Rede Educativa Apoio de Galicia

LGBTIQ+

Quen somos

A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro pioneira no ámbito do estado español que está formada por profesorado en activo que desenvolve as súas tarefas no contexto educativo regrado e non regrado de Galicia. Somos, por tanto, profesionais de todos os niveis educativos, dende infantil ata a universidade, e tamén educadorxs con responsabilidade no desenvolvemento de programas educativos. Todas as persoas que formamos parte da rede compartimos o claro compromiso de incluír e visibilizar a realidade LGBTIQ+ en todos os contextos educativos.

O noso nacemento

Co obxectivo de combater os prexuízos LGTBIfóbicos que constitúen a base sobre a que se sustentan as condutas discriminatorias, a invisibilización e o acoso por orientación sexual ou identidade de xénero, mais tamén ante a ausencia dun marco organizativo común, foron xurdindo nos últimos anos e por iniciativa autónoma diversos Equipos de apoio LGBTIQ+ en diferentes centros de ensino de toda Galicia como o IES Politécnico, o Carlos Casares e o IES A Guía de Vigo; o IES A Sangriña da Guarda; o IES As Barxas, o IES A Paralaia e o CEIP Plurilingüe de Tirán en Moaña; o Praia Barraña de Boiro; o Punta Candieira de Cedeira; o Castro Alobre de Vilagarcía, e un longo etcétera.

Nestes centros constituíronse asembleas de alumnado LGTBIQ+, deseñáronse actividades de sensibilización, concienciación e recoñecemento da diversidade afectivo-sexual ou familiar, constatándose a enorme necesidade tanto do alumnado que reclama estas iniciativas, coma do profesorado comprometido que quere desenvolvelas, por tecer redes de apoio, compartir experiencias ou recursos pedagóxicos e facer comunidade entre todo o profesorado pioneiro. 

A finais de agosto de 2019 Ana Ojea, profesora do IES Politécnico de Vigo, e Denís Vicente, do IES As Barxas de Moaña, tomaron a iniciativa creando un manifesto de adhesión e invitando a todo o profesorado de Galicia que estivese a traballar a diversidade afectivo-sexual e de xénero no seu centro a participar nunha primeira xuntanza en réxime de auto convocatoria. O 5 de outubro do 2019 tivo lugar o encontro na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, acatando o mandato de constituír unha asociación profesional e consensuando os seus obxectivos.  

A asociación constituíuse finalmente o 9 de maio do 2020. 

Actualmente conta con máis de 80 persoas asociadas repartidas o longo de toda a xeografía galega. 

Os piares da nosa acción

A nosa acción asociativa vén guiada pola práctica educativa que parte do dereito humano á educación e ao libre desenvolvemento da personalidade, así como a unha vida digna e libre de violencia, materializándose na intersección de tres eixos fundamentais que vertebran o noso proxecto educativo:  

A coeducación:
Acción educativa que potencia a igualdade real de oportunidades e a eliminación de calquera tipo de discriminación por razón de sexo ou xénero.
A educación en diversidade sexual, de identidade de xénero e familiar:
Práctica educativa que pon en valor a riqueza da diversidade humana e desenvolve estratexias para previr, detectar e intervir en calquera situación de discriminación por orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero ou estrutura familiar.
A educación sexual integral:
Proceso educativo que trata os aspectos cognitivos, psicolóxicos, físicos e sociais da sexualidade para poder desenvolver relacións sexuais baseadas no respecto, na dignidade, na saúde e no benestar propio e das outras persoas.

A Xunta coordinadora

Ana Ojea Alonso

Coordinadora

Profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes. Responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo.

Organizadora do Festival Educativo de Cine LGBTIQA+ MECOPOL -Mostra Educativa de Curtas con Orgullo do Politécnico de Vigo-, festival de curtametraxes inclusivas con representación positiva de personaxes LGBT+ realizados por alumnado de ensino secundario.

Cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.

Formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

Miguel Calvo Marques

Vicecoordinador

Socio pioneiro da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.

Orientador educativo do corpo de profesores de secundaria. Licenciado en Psicoloxía e escritor.

A súa praza está no Equipo de Orientación Específico de Pontevedra desenvolvendo o seu labor na especialidade de trastornos de conduta.

En cursos anteriores, no seu antigo centro, coordinador do equipo de igualdade e apoio ao alumnado LGBT. No marco do devandito proxecto: co-creador do podcast inclusivo Z-Millennials.

Traballa na Academia Claves como preparador de oposicións.

Lara Boubeta Bamio

Secretaria

Mestra de Educación Primaria, cunha traxectoria profesional vencellada á educación pública galega e ao traballo pola igualdade, a diversidade e a inclusión nos centros educativos.

Coordina o Equipo de Igualdade do seu centro educativo e o Programa de Inclusión Educativa, desde onde promove accións orientadas á equidade, á convivencia positiva e ao respecto á diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar.

Imparte formación ao profesorado a través do CFR en materia de diversidade, inclusión e dereitos LGBTIQA+. Os materiais e recursos educativos que elabora compárteos no perfil de Instagram @sempre_estou_aprendendo, como espazo de difusión e intercambio pedagóxico.

É autora do álbum ilustrado Xe, unha obra dirixida ao público infantil que aborda a intersexualidade desde unha mirada educativa e respectuosa co obxectivo de visibilizar esta realidade.

Antonio Prieto Cuba

Tesoureiro

Mestre gay visible de Educación Primaria. Traballa no CEIP Plurilingüe Seis do Nadal de Vigo.

Socio da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia dende 2025.

Comezou a colaborar como editor na Wikipedia en galego en 2011 e no ano 2016 a comunidade outorgoulle o rol de administrador.

Colabora no Wikiproxecto "Diversidade sexual e de xénero" para crear, ampliar e traducir á nosa lingua máis contido enciclopédico "cuir".

En outubro de 2025 participou na VII xornada de formación de Pinto e Maragota como relator baixo o título "Cuirizar a Galipedia".

Esta web utiliza cookies propias e de terceiros para o seu correcto funcionamento. Ao premer no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad