Gladys Bentley
(1907 -1960)

Era pobre, era negra, era muller, era lesbiana, era gorda…. E ela pensaba que nacera para ser feliz. Está claro que non era visionaria. Gladys Bentley foi rexeitada mesmo pola súa familia que, cando observou que poñía a roupa dos seus irmáns, levouna aos médicos para facer dela unha muller normal e os médicos dixeron que o dela era algo “patolóxico” que tiña que ser curado.

Cando cumpriu 16 anos, en 1923, fuxiu para vivir en Harlem, tratando de atopar un anaco de liberdade, un refuxio onde poder vivir. E Harlem íalle dar os poucos anos de felicidade que tería na súa vida. Foron os anos cheos de prohibicións, da lei seca de EEUU, dos bares clandestinos, onde Gladys atopou o paraíso onde poder ser quen era: tocaba o piano e cantaba vestida de home nos sotos dos garitos. Convenceuse de que podía ter éxito e vaia se o tivo. Facía todo o circuíto de festas da época, foi partícipe do que se deu en chamar o Renacemento do Harlem. Era unha cantante de blues descarada, valente e desinhibida. Violou todos os códigos puritanos: lesbiana declarada casou cunha muller en Atlantic City. Sempre vestía de home, cantaba cun smóking… desafiaba a identidade de xénero…

En 1928 comezou a gravar e viaxou por todo o país con cancións descaradamente eróticas…
Pero todo acaba por acabar nunha sociedade hipócrita, moralista e provinciana que aplaude de noite o que despreza de día. Ese público branco, que admiraba o seu estilo musical, non tivo problemas en esquecela cando viñeron mal dadas.

A comunidade afroamericana nunca a aceptou, consideraba que era unha vergonza que Gladys fose como era. Pódese ser marxinado e marxinar!!

Nacera en 1907 en Pensilvania, nunha familia de clase traballadora, das que non acceden nunca a ese inalcanzable soño americano. O seu pai era afroamericano e a súa nai procedía da illa de Trindade.

A mediados dos anos 30, coa Depresión, os clubs van pechando e non lle queda máis remedio que marchar a California e aí segue o inferno que vivira desde a súa nenez e que só tivo o espellismo feliz dos anos vinte. Foi vetada en todos os sitios. Tivo que deixar de cantar.
Comeza unha “caza de bruxas” para as persoas homosexuais: quedan sen traballo, son denigradas e humilladas.

Gladys vai cedendo pouco a pouco ás presións ás que se ve sometida. Ten que traballar e ten que someterse ao macarthismo que atenaza todas as liberdades sexuais. Acaba por escribir un artigo na revista Ebony retractándose, como fixera Galileo, ante outra Inquisición: “son unha nova muller”. Vestiuse con roupas femininas, casou cun home… destruíu a súa propia identidade para poder ser aceptada por unha sociedade que a maltrataba e a desprezaba.
Nos últimos anos, converteuse a unha desas igrexas estadounidenses tan excesivas, cheas de predicadores, de pecados, de éxtases e de cancións. Volveu cantar. Polo menos, volveu cantar. Fixérona renegar de todo, pero seguiu cantando. Non quedaba do que fora, máis que a súa voz. Outra Eco renacida.

Na miña infancia, coñecín unha muller, xa vella, que rezaba constantemente; movía os labios nun rezo continuo. Un día pregunteille: pero “usted” pensa que Dios lle vai contestar? Ela díxome:

-Ah! Non.
Iso é o que ten de bo

Así debeu pensar Gladys nesa igrexa onde as mulleres negras cantan a súa dor e a súa aldraxe. Quitáronllo todo, pero quedoulle a posibilidade de cantarlle a quen non responde nunca. Iso é o que ten de bo. E así debe seguir…

Gladys cantando

Esta web utiliza cookies propias e de terceiros para o seu correcto funcionamento. Ao premer no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad